lunes, 8 de octubre de 2007

O paraíso do ladrillo

Se alguén pensaba que chegaba tarde para aproveitala saca urbanística de Marbella non ten que preocuparse, pois aquí está Galicia no seu conxunto para cumprir eses desexos de lucro rápido, doado e "limpo".

Sen entrar a valorar as "marabillas" urbanísticas que existen en Vigo (levaríame unha entrada enteira e inda non me chegaría), temos outros lugares de interese urbanístico como poden ser Nigrán,Gondomar , Oleiros, Arteixo, Cabanas, Fisterra, Malpica , Barreiros, Foz, Baiona, Pontevedra, Noia, etc.

Todos eles están situados na costa, por suposto, pois todos sabemos que non hai nada millor que unha costa chea de cemento para ofrecer a quen veña coñecer a nosa terra. Xa que non temos sol (disque...) polo menos temos cemento a pé de praia, que non se diga que aquí somos menos que en Benidorm!!!

O certo é que o tema é moi serio véxase por onde se vexa: dende o punto de vista ecolóxico, por suposto, porque estase a desfacer toda a riqueza que existe nas nosas costas, riqueza que non volverá endexamais.

Dende o punto de vista político, é terrible que aqueles ós que votamos nas eleccións estean aí só para enche-los seus petos, en vez de mirar polo ben de tod@s xa que hai casos en Galicia de corrupción urbanística (ou presunta, claro, se non saíron as sentenzas) tanto de alcaldes de partidos de dereitas coma de esquerdas o que resulta, cando menos, descorazonador.

Sexa como sexa, os cidadáns debemos movernos para evitar a "marbellización" da nosa terra, pois non é necesario ofrecer ó turismo unha costa chea de edificios de apartamentos, pois de maneira natural temos moito máis que mostrarlles a todo aquel que non sexa da nosa terra.

Hai que moverse para que en Galicia, en ningún dos nosos concellos, se poidan lucrar ningún Julián Muñoz, Roca ou compañía.

No hay comentarios: