miércoles, 11 de junio de 2008

Vivir para traballar...

A noticia bomba desta semana é a decisión da UE de amplialas horas semanais de traballo a 65.

Supoño que a estes grandes políticos que controlan Europa dende Bruxelas, lles chegaría a noticia de que por estas terras nos aburrimos moito traballando as 40 horas (jajajaja, quen traballará só iso?) e, por iso, convencidos de que o exceso de ocio é malo para a saúde, que se eleva a cifra de divorcios cada ano posto que as familias pasan moito tempo xuntos, que os nenos están cada vez máis consentidos por estaren sempre pegados ós seus pais... e tantas e tantas cousas que nos están a acontecer, decidiron tomar cartas no asunto e dixéronse: ímoslle facer un favor á sociedade, a toda esta xentiña que tan mal o está a pasar con tanto tempo libre que xa non saben qué facer con el, e dámoslles máis vida de traballo. E, aí o temos: 65 horas semanais, que saen a 11.2 horas diarias, pero seguramente preferirán que vaiamos traballar os sábados, polo que sairá a menos de 11 horas por día... vaia, o meu gozo no pozo... eu que xa tiña vista unha camiña perfecta para instalar alá no meu posto de traballo... incluso unha neveriña, preciosa, así dunha cor fucsia fosforita, a xogo co edredón, para gardar todo aquilo que poida comer (que, seguramente, non terei tempo de comer, pero iso tamén o fan pensando en nós, que os índices de obesidade na "Unión" son cada vez maiores...).

O problema que lle vexo a isto é que os domingos seguen a quedar libres e... ¿que vou facer agora os domingos?

Vou ter que buscar outro traballiño para encher ese oco, porque se quedo na casa discutirei coa familia (é o que ten o tempo libre), aburrireime coma unha ostra, pois ¿qué se pode facer cando non vas traballar?


Agora que todo o mundo está en contra desta medida, eu aplaudo á UE por pensar no noso benestar. Non entendo como a xente pode ser tan desagradecida...¡ai, canta soberbia hai por aí endiante...!