miércoles, 11 de junio de 2008

Vivir para traballar...

A noticia bomba desta semana é a decisión da UE de amplialas horas semanais de traballo a 65.

Supoño que a estes grandes políticos que controlan Europa dende Bruxelas, lles chegaría a noticia de que por estas terras nos aburrimos moito traballando as 40 horas (jajajaja, quen traballará só iso?) e, por iso, convencidos de que o exceso de ocio é malo para a saúde, que se eleva a cifra de divorcios cada ano posto que as familias pasan moito tempo xuntos, que os nenos están cada vez máis consentidos por estaren sempre pegados ós seus pais... e tantas e tantas cousas que nos están a acontecer, decidiron tomar cartas no asunto e dixéronse: ímoslle facer un favor á sociedade, a toda esta xentiña que tan mal o está a pasar con tanto tempo libre que xa non saben qué facer con el, e dámoslles máis vida de traballo. E, aí o temos: 65 horas semanais, que saen a 11.2 horas diarias, pero seguramente preferirán que vaiamos traballar os sábados, polo que sairá a menos de 11 horas por día... vaia, o meu gozo no pozo... eu que xa tiña vista unha camiña perfecta para instalar alá no meu posto de traballo... incluso unha neveriña, preciosa, así dunha cor fucsia fosforita, a xogo co edredón, para gardar todo aquilo que poida comer (que, seguramente, non terei tempo de comer, pero iso tamén o fan pensando en nós, que os índices de obesidade na "Unión" son cada vez maiores...).

O problema que lle vexo a isto é que os domingos seguen a quedar libres e... ¿que vou facer agora os domingos?

Vou ter que buscar outro traballiño para encher ese oco, porque se quedo na casa discutirei coa familia (é o que ten o tempo libre), aburrireime coma unha ostra, pois ¿qué se pode facer cando non vas traballar?


Agora que todo o mundo está en contra desta medida, eu aplaudo á UE por pensar no noso benestar. Non entendo como a xente pode ser tan desagradecida...¡ai, canta soberbia hai por aí endiante...!

jueves, 27 de diciembre de 2007

ABEL CABALLERO

Actualmente é o alcalde de Vigo, a cidade máis importante de Galicia.

Naceu en Ponteareas o 2 de setembro do ano 1946. Un home polifacético que desenvolve actividades como é a de escritor, economista e político.

No seu currículo conta cun doutorado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e pola Universidade de Cambridge e un postgrao en Economía pola universidade de Essex. Ademáis, exerceu como profesor de económicas na universidade de Santiago e é catedrático de Teoría Económica na universidade de Vigo.

Na faceta política temos que comentar, que ingresou no PSOE no ano 1976 . Foi ministro de Transporte, Turismo e Comunicacións dende o 85 ao 88 (esa época todos podemos recordalo por ser o ministro galego que se negou a que o AVE chegase a Galicia). Sendo deputado no Congreso dende o 82 ao 94. No ano 97 preséntase como candidato á presidencia da Xunta, pero non o consegue, polo que, prácticamente desaparece da escena política, pese a seguir tendo escaño no Parlamento Galego. No 2005 volve á palestra política ao ocupar o cargo de Presidente do Porto de Vigo e o seu nome comeza a soar forte como próximo candidato ás eleccións municipais do 2007, cousa que, nun principio, nega rotundamente.

Ao final, no ano 2007, concurre ás eleccións municipais do 27 de maio, e é a segunda lista máis votada, polo que, grazas ao pacto co BNG, logra a alcaldía da cidade.

En canto á súa faceta de escritor hai que sinalar que da súa autoría son as seguintes obras:

  • La elipse templaria
  • El hombre que tenía miedo al mar
  • La puerta amarilla
  • El invierno de las almas desterradas

Non poderei facer unha crítica literaria de ningunha delas, posto que non as lin...

No ámbito dos rumores, sobre Abel (Caballero), hai moitos:

  • Seica dende que chegou ó Porto de Vigo, dedicouse a pagar as "facturas" persoais que tiña con diferentes amistades, colocando ós seus familiares a traballar alí...
  • Seica é moi presumido (non coqueto, senón, fachendoso) e, nas súas clases na facultade, se pode aprender, ademáis de economía, todas as matrículas de honra que o noso venerado alcalde obtivo ó longo da súa vida estudiantil...
  • Seica chegou a alcalde (desplazando a outros persoeiros máis importantes no panorama político socialista vigués nos últimos anos), por obra e gracia de Pepe Blanco.
  • ...

Rumores hai moitos. Se son verdade ou non... iso ¡nunca o saberemos! (¿ou si?).


lunes, 15 de octubre de 2007

Decepción

Estou decepcionada.

O señor Zapatero parecíame un líder arroutado, de esquerdas de verdade, como había moito que non existía no PSOE.

Pero, coma sempre, esa é a estratexia de inicio de goberno. Unha vez que se pasou o ecuador da lexislatura (e faltando uns poucos meses só para as eleccións), o PSOE, tan obedientiño el, xa recuou.

Basta que o PP lle faga algunha crítica para que o PSOE se doblegue. Puf!!! Que decepción!!!

Parece que só quere contentar a ese sector da dereita que se autodenomina "centro" (para min non existe o centro, só a dereita e a esquerda, máis ou menos moderada, por suposto, pero segue a ser dereita ou esquerda, e é importante definirse), e a xente de esquerdas, a que puxo ó PSOE no poder, en detrimento doutras forzas políticas, coma IU, non conta.

Síntome decepcionada con este PSOE, señor Zapatero. E iso que eu lle tiña boa fe, considerábao a vostede un home de esquerdas. Puf!!!

As próximas eleccións non sei como serán, pero está claro que nos quedan varios meses de aturar a ese tándem político, PSOE-PP, como se tiran os trastos uns ós outros. Deus nos ampare!!!

lunes, 8 de octubre de 2007

O paraíso do ladrillo

Se alguén pensaba que chegaba tarde para aproveitala saca urbanística de Marbella non ten que preocuparse, pois aquí está Galicia no seu conxunto para cumprir eses desexos de lucro rápido, doado e "limpo".

Sen entrar a valorar as "marabillas" urbanísticas que existen en Vigo (levaríame unha entrada enteira e inda non me chegaría), temos outros lugares de interese urbanístico como poden ser Nigrán,Gondomar , Oleiros, Arteixo, Cabanas, Fisterra, Malpica , Barreiros, Foz, Baiona, Pontevedra, Noia, etc.

Todos eles están situados na costa, por suposto, pois todos sabemos que non hai nada millor que unha costa chea de cemento para ofrecer a quen veña coñecer a nosa terra. Xa que non temos sol (disque...) polo menos temos cemento a pé de praia, que non se diga que aquí somos menos que en Benidorm!!!

O certo é que o tema é moi serio véxase por onde se vexa: dende o punto de vista ecolóxico, por suposto, porque estase a desfacer toda a riqueza que existe nas nosas costas, riqueza que non volverá endexamais.

Dende o punto de vista político, é terrible que aqueles ós que votamos nas eleccións estean aí só para enche-los seus petos, en vez de mirar polo ben de tod@s xa que hai casos en Galicia de corrupción urbanística (ou presunta, claro, se non saíron as sentenzas) tanto de alcaldes de partidos de dereitas coma de esquerdas o que resulta, cando menos, descorazonador.

Sexa como sexa, os cidadáns debemos movernos para evitar a "marbellización" da nosa terra, pois non é necesario ofrecer ó turismo unha costa chea de edificios de apartamentos, pois de maneira natural temos moito máis que mostrarlles a todo aquel que non sexa da nosa terra.

Hai que moverse para que en Galicia, en ningún dos nosos concellos, se poidan lucrar ningún Julián Muñoz, Roca ou compañía.

viernes, 13 de julio de 2007

deputacións provinciais.. son necesarias?

Estase a debatir nos últimos tempos se as deputacións provinciais son realmente unha administración necesaria ou se, quizais, se trate dun elemento que, actualmente, é bastante prescindible.

Sexa como sexa eu non o teño claro.

Dende a miña ignorancia acerca do tema, só podo valorar o pouco que coñezo do mesmo: As deputacións provinciais en Galicia, ata o de agora, máis ben foron un niño de persoeiros caciquís, que utilizaban a súa cadeira neste lugar (e, por suposto, tamén os poderes que lles outorgaba o serén "donos" desa cadeira...) para "atraer" á poboación cara ó seu partido. Os cartos que invisten as deputacións nas cidades teñen, case sempre, unha motivación política, de feito invístense nas vésperas das eleccións, e calculando o lugar(cidade, vila) onde quizais ese partido político poida ter as cousas máis difíciles.

Os defensores das deputacións din que as cidades grandes, realmente non notan demasiado a presencia das deputacións, pero as vilas pequenas, non poderían levar a cabo obras do estilo dun hospital, etc, se non fora pola intervención desta administración; pois lévase a cabo unha obra que resulta de interese para varias desas vilas.

Parece ser que o debate do futuro está en se esta institución segue sendo necesaria ou non...
Temos por diante catro anos para comprobar canto beneficia a Vigo a deputación de Pontevedra; ou se a deputación de Ourense pensa seguir investindo en gaitas alleas á nosa cultura; ou se a de Lugo continúa a estela deixada polo anterior presidente da deputación, Cacharro Pardo de "investir" en votos para o seu propio partido...

Dentro dun tempo teremos resposta a esta pregunta...

...ou non...

viernes, 22 de junio de 2007

Que lle pido ó meu alcalde?

Ó meu alcalde pídolle:

1. Que sexa honesto coa cidadanía
2. Que o que prometeu na campaña o cumpla (liñas de Vitrasa con moita frecuencia por tódolos barrios e parroquias, 6000 vivendas, etc).
3. Que non esqueza xamais de onde saiu esta cidade (do mar, señor alcalde, do mar, desa Ría de Vigo que vostede quere encher de cemento)
4. Que non esqueza a onde pertence a cidade de Vigo ( a Galicia, señor alcalde, esa CA con idioma propio, o galego)
5. Que cumpra tódalas normas existentes ( o que inclúe tamén esa ordenanza municipal que hai por aí e que obriga a os políticos , por razón do seu cargo a utiliza-lo idioma galego(vai ter que tirarlle das orellas ó seu colega o señor Font...)).
6. Por último, pero non menos importante: non emule ó señor Pérez Mariño e nos deixe colgados outra vez en mans do PP.